quarta-feira, 20 de setembro de 2023

Esborrallando.

 


Ás veces para facer algo novo hai que romper co vello; ás veces antes de construír é necesario derrubar. Hai ocasións nas que debemos facer un esforzo extra para quebrar coa rutina e coa costume e atreverse a facer algo distinto. E corremos o risco de que o novo non mellore a situación actual, é certo, pero a vida é cambio, é transformación, e quen non está disposto a perder poucas veces poderá gañar.

Andan estes días por Compostela algo alborotados coa Casa da Xuventude e coa necesidade ou non de derrubala. Calquera que teña un pouco de imaxinación verá que ese espazo queda moito mellor sen ese edificio, e calquera que teña un pouco de memoria recordará que antes das eleccións os partidos xa manifestaron a súa posición sobre este asunto, e a cidadanía compostelá votou. Os partidos que estaban a favor do seu derrube foron os dous máis votados, de 25 concelleiras, 17 están a favor do derrube e 8 están a favor de conservala. Son simplemente datos.

Pero alén disto, hai que pensar no que supón gobernar. Ademais de xestionar hai que buscar mellorar, cambiar de algún modo a realidade das cidades e o día a día dos cidadáns. O tema da Casa da Xuventude entra dentro da idea de cidade que ten o bng. Non é algo novo que o urbanismo e a humanización das vilas é un dos piares básicos da acción de goberno do bng. Pontevedra ou Corcubión son dous exemplos, e á vez demostran que para levar a cabo certas transformacións é preciso tempo.

Derrubar para refacer, para transformar un espazo, un entorno. Porque ás veces parece que o que se pretende é tirar un edificio cando en realidade é un primeiro paso para crear un lugar de encontro para a cidadanía, un punto de reunión para asociacións que organicen diversos e variados actos. Espazos abertos a diversas manifestacións culturais e sociais. Pluralidade.

Falan dos cartos que se perden, e non é correcto. Os cartos que a Deputación da Coruña puxo sobre a mesa nun acto de campaña electoral para intentar darlle ao Bugallo algo que poder ofrecer á cidadanía despois de catro anos paseando pola cidade, eses cartos, digo, son única e exclusivamente para investir nun edificio innecesario. Di a Deputación que precisa oficinas cando xa ten oficinas de sobra na cidade, e iso está claro pois a mesma Deputación di que no convenio cederá a maior parte dese edificio ao Concello. A ver, Deputación, arre ou so, precisas ou non precisas espazos en Compostela? Critícase ao Concello que deixe pasar este investimento, pero acaso deben facerse as cousas polo simple feito que chas financien?

Parece máis lóxico pensar que primeiro hai un proxecto de cidade, unha idea e unhas prioridades e despois unha busca de financiamento. E claramente este edificio non forma parte do que pretende levar a cabo o bng en Compostela, e o mellor é que levan dicíndoo de maneira moi nidia dende o principio.

E así estamos. E xa está falándose de descomposición do goberno pola diferente opinión sobre o asunto que teñen os dous partidos que están . É o que ten o PP, que non entende que dentro dun grupo de traballo poden existir distintos puntos de vista e mesmo chegar a entendementos. E neste caso o partido popular de Santiago leva dende maio intentando derrubar o que están intentando facer os outros. Pedindo explicacións sobre asuntos que xa estaban decididos dende antes de que a nova corporación tomase posesión das súas actas ou demandando imposibles que, no mellor dos casos, demostran un descoñecemento total do funcionamento da administración e no peor, unha manifesta mala fe por parte de persoas que presumen de bos xestores e que por formación e por postos ocupados con anterioridade deberán coñecer perfectamente o funcionamento da administración pública. Trátase, en definitiva, de afogar as novas ideas antes de que cheguen a florecer, non vaia ser que a cidadanía descubra que hai outras formas de facer as cousas e mesmo de facer política.


Nenhum comentário:

Postar um comentário