quinta-feira, 5 de junho de 2014

Búscanse concelleir@s!!!


Luns

Marchou Adrián dicindo que a súa familia estaba pasándoo moi mal con tanto xuízo e tanta acusación de corrupción. O que non explicou foi que ao día seguinte ían imputalo por un novo delito, esta vez por aproveitar o seu cargo público para que unha empresa despedise a unha traballadora por ser a muller dun sindicalista da GIG.

Resultaba entenrecedor ver as bágoas nos ollos de Adrián ao falar da súa familia. Mágoa que non pensase tamén na familia do sindicalista antes de encirrar nos xefes para que botasen á rúa a unha persoa. Pensa Adrián que as crianzas dos sindicalistas non comen? Parécelle que coa que está caendo é de recibo xogar co pan da xente?

O problema é que en calquera momento Adrián volverá á vida política. Non esquezamos que é unha das promesas do PP compostelán e seguramente acabará formando parte dalgunha lista electoral.




Martes

Van os concelleiros e concelleiras do PP de Compostela e din que dimiten! Non, non dimitides. Condenáronvos a uns cantos anos de inhabilitación para cargo público. Foi a xustiza a que decidiu que tiñades que deixar os cargos por querer pagar cos cartos da cidadanía compostelá a defensa dun rapaz acusado de favorecer os intereses privados dunha empresa.

Imaxínome como debeu ser esa reunión, a chulería coa que algún de vos diría aquilo de tranquilo Adrián, que esta minuta págaa o Concello!! E Adrián agradecido, que agora lle ven mal pagar él só ao avogado e que en canto poda devolverá o favor... En fin, que a mellor sería que cada un pagase a súa defensa, xa que máis ou menos todos os concelleiros do Concello de Santiago de Compostela están pasando polo xulgado e esqueceron destinar unha partida orzamentaria para gastos de avogado dos cargos públicos.

Xoves

Búscanse concelleiros!!

En Santiago de Compostela xa non hai quen queira formar parte do goberno municipal e hai que buscar candidatos. Non está moi claro se van organizar unha especie de concurso ou con presentar a solicitude chegará, como acontecía nos tempos de Fraga con algunhas oposicións.

O asunto é que a lista que o PP presentou nas eleccións municipais está esgotada. Os que poderían entrar non queren saír de onde están (entre eles o insulso conselleiro que leva as competencias de medio ambiente, infraestruturas, vivenda e transportes). Isto é unha boa proba no implicados que están algúns partidos na vida municipal. Enchen as listas de persoas que non están interesadas no día a día das cidades e que están para encher ocos. Despois pasa algo como o que está acontecendo no Concello de Santiago e teñen que pedir voluntarios.

E o dos voluntarios está ben. Pero ao final resulta que rematan gobernando persoas que ninguén elixiu. Deben ser as incongruencias do sistema electoral que temos.

En definitiva, tal e como escribín cando abrín este blog, algo non funciona dentro do Partido Popular compostelán cando a capital de Galiza comeza a ser coñecida como Santiago de Corruptela.

Nenhum comentário:

Postar um comentário