sexta-feira, 13 de fevereiro de 2015

Culpables e responsables.



Andan por Compostela a voltas co xuizo ao presunto ladrón do Códice Calixtino. Recordo que fai anos escribín algo sobre o tema e sobre o sospeitoso que resultaba todo. Tantos cartos que desaparecían sen que ninguén se decatase, tantos erros duns e doutros...

Agora o primeiro que fixo a avogada defensora foi cuestionar a instrucción do procedemento por parte do xuíz-novelista, Taín.

E non lle falta razón.

Dende o principio todo este asunto foi unha festa. Os medios de comunicación aportaban datos e máis datos sobre as conductas do chamado "electricista da catedral" e sobre a súa vida. Tamén se insinuaron rencillas entre clérigos e tamén algúns ciumes por amores, pero nisto non quixeron profundizar demasiado, non vaia ser...

Por se fose pouco, o propio xuíz encargado da instrucción decidíu aproveitar o tirón, e supoño que a información recopilada, para publicar unha novela, La leyenda del Santo Oculto, na que casualmente tamén rouban o Códice Calixtino da catedral compostelana.

E que dicir da serie que fixo a televisión de Galicia sobre o roubo, en apenas dous meses e dando unha versión de cómo foron os feitos antes de que os feitos fosen xulgados.

E agora estamos asistindo a un xuizo no que case todo o mundo ten unha idea xa formada sobre como foron os feitos e sobre quen é o culpable. E como soe ocorrer nestes casos, xa sexa nun roubo ou nun accidente ferroviario, toda a responsabilidade cae sobre unha soa persoa e ao final pasamos horas e horas recibindo información intrascendente sobre pequenos detalles e ninguén entra a fondo nas problemáticas.

Estámoslle dando moitas voltas aos cartos que sairon da catedral, pero o que debera preocuparnos son os cartos que entran, para que se empregan e que impostos pagan. Non vaia ser que ao final de todo esto os que mandan na catedral non teñan que dar explicación ningunha e quedemos todos conformes con que un tipo roubou algo e o pillaron.