domingo, 7 de maio de 2023

Folga si, folga non.

 


Hoxe si, mañá non.

O da folga de transportes de viaxeiros por carretera en Galicia comeza a ser un auténtico despropósito.

Levamos todo o curso escolar con problemas no transporte escolar. Retrasos nas lineas, autobuses que se estropean, paradas que non se fan... E dende fai uns meses hai convocatorias de folgas que obrigan ás familias a buscar alternativas para levar ás crianzas á escola. 

Fai unha semanas desconvocouse, a última hora, unha folga dun día que tería lugar un venres. Anunciaron, os políticos e os sindicatos, que chegaran a un acordo e que ían seguir negociando.

E vese que as negociacións non chegaron a bo porto porque o venres 5 avisaron do cole que a partir do luns, oito de maio, había convocada folga indefinida e que nos buscásemos a vida para chegar ao cole (e aos traballos, claro). Pero o sábado 6 volveron a chegar a un acordo e a folga foi desconvocada. 

E isto comeza a ser un pouco frustrante. Comprendo que as negociacións son complicadas e que chegar a acordos nunca é fácil, pero da a sensación de que é necesario que se convoque unha folga para que a Xunta de Galicia se sente a negociar. 

En realidade todo o relacionado co transporte de viaxeiros está viciado dende que no seu día o goberno do Partido Popular de Galicia fixo un reparto de lineas e de concesións no que se beneficiaba de maneira descarada a un par de empresas e se deixaba moi desprotexidas a outras de implantación máis local. 

A ninguén pode sorprenderlle que o Partido Popular teña esa tendencia a mirar máis polos intereses das grandes empresas que polos negocios pequenos. Andan agora polos concellos adiante falando de protexer o comercio de barrio e os produtos de proximidade, pero a realidade é que cada vez máis, os grandes sectores económicos están pasando a mans de grandes empresas. A banca, a industria, os sectores pesqueiro e ganadeiro... Cada vez é máis difícil para as empresas locais conseguir un oco xa que é difícil competir coas grandes empresas á hora de optar aos contratos públicos. 

E os sindicatos... Bueno, os sindicatos son o reflexo dunha sociedade dividida e cada vez máis descoñecedora de quen pode defender os seus intereses. En realidade, ás veces semella que non temos moi claro cales son os nosos verdadeiros intereses.

E mentres tanto o curso vai rematando cos memos problemas no transporte que cando comezara e estou case seguro que en setembro as cousas volverán a o mesmo. Os sindicatos ameazando con folgas e a administración dicindo que os problemas detectados xa están sendo solucionados. 

E se chove, que chova.