quarta-feira, 21 de maio de 2014

Quince votos (15) en Santiago de Corruptela.



Martes
Quince votos (15) son os que deron a alcaldía de Santiago de Compostela ao grupo dos imputados. O primeiro que fixo o asesor do alcalde foi conducir bébedo, despois o alcalde elixido polos composteláns tivo que dimitir por fraude fiscal a facenda e o noso lindo presidente, o Sr. Núñez, decidiu que fose alcalde o que parecía menos conflitivo.
Despois comezaron as imputacións de todos eles e agora están case todos e todas pasando polos xulgados. Eu xa o escribín fai máis dun ano, que unha cidade como Compostela non pode permitirse tanta corruptela, pero aquí non pasa nada. O presidente vai cambiando o seu discurso a medida que xorden novas imputacións e agora aparece Rueda, que ten que ir aparecendo nos medios para poder ser o presidente da Xunta cando Feijoo marche para Madrid, pois aparece Rueda dicindo que todo vai ben e que non hai plan B no caso de que os imputados por prevaricación acaben condenados.
Mentres tanto sego pensando que é unha mágoa que Conde Roa gañase unhas eleccións por quince votos que perdeu o BNG. Ao final son as persoas de esquerdas as que quedan na casa pensando que non val a pena, que por un voto, que non nos representan e que total nada vai cambiar...
Mércores
Están no xulgado doce persoas acusadas de insultos e agresións na manifestación de Galicia Bilingüe do ano 2009. Os insultos e a violencia non están ben, sobran, nos degradan como seres pensantes. Pero os medios de comunicación poderían tamén explicar que a esa manifestación chegaron autobuses dende Valladolid, Madrid e outras cidades españolas con simpatizantes e votantes de UPyD, entre outros.
Tamén hai que dicir que era unha manifestación en contra do galego, da lingua galega, e que ao fronte estaba una muller chamada Rosa Díez, que algo persoal debe ter en contra do galego como lingua e do galego como pobo cando utiliza o termo, galego, como un insulto. Ou polo menos foi o que empregou para definir a Zapatero como “gallego en el peor sentido de la palabra”.
E iso tamén é violencia. Manifestarse contra da língua na que me expreso e na que lles falo aos que máis quero é unha forma de violencia. Insultar a un pobo por defender a lingua propia é violencia, sobre todo se veñen de fora para dar a entender que é necesario axudar aos falantes de castelán a defenderse dos ataques por parte dos que falamos en galego na intimidade.
Iso é o que fai o partido de Rosa Díez, crear conflitos onde non existen para obter votos. É puro populismo, e debemos pensar que o populismo e os mensaxes que se poden explicar con dúas frases nunca levaron aos pobos de europa a nada bo. UP y D é un partido que busca votantes descontentos para seguir encirrando, que serven para criticar e criticar, pero que apenas aportan solucións.



sexta-feira, 16 de maio de 2014

Ética

Martes
Escoito a Baltar fillo falando de transparencia e boas prácticas na administración. Pero qué broma é está? Pero que catadura moral hai que ter, sendo quen é, para falar de transparencia e de limpeza no exercicio do poder? Resulta insultante escoitalo poñerse digno e dicir que se outros falan de 65 ou de 90 euros por agasallo él decide cortar polo san e suprimir todo tipo de regalos na Deputación provincial de Ourense. Pero que exercicio de cinismo!
Gracias aos chanchullos e ás practicas caciquís do pai está él de Presidente da Deputación. Ou acaso non foi unha auténtica compra de favores o que durante anos facía o señor José Luis Baltar en Ourense? Ou acaso non tivo que marcar distancias o mesmo Feijoo para que non lle salpicara tanta porcallada como se acumula nos caixóns da Deputación.
Por favor, necesítase ser un auténtico desmemoriado para esquecer como chegou José Manuel Baltar ao poder. E que sexa precisamente él o que pretenda darlle consellos de ética aos demais!!!


Mércores
Ás veces penso que os antisistema veñen do espacio exterior. Parece que chegaron aquí coa intención de rompelo todo e de acabar con todos os colectores de lixo que atopen no seu camiño.
Algo falla cando canda vez son máis os que só saben empregar a violencia para protestar. Pode que sexa a falta de ilusión por nada ou un sistema educativo mediocre. Pode que haxa unha epidemia que tolea á xente e fai que se volva agresiva. E tamén pode que a cidadanía sinta impotencia e non atope outro xeito de expresar o seu malestar.
O que parece claro é que haberá que buscar explicacións e solucións, ademais de mercar casos e chalecos para os antidisturbios. Igual é importante previr os disturbios.