quarta-feira, 21 de maio de 2014

Quince votos (15) en Santiago de Corruptela.



Martes
Quince votos (15) son os que deron a alcaldía de Santiago de Compostela ao grupo dos imputados. O primeiro que fixo o asesor do alcalde foi conducir bébedo, despois o alcalde elixido polos composteláns tivo que dimitir por fraude fiscal a facenda e o noso lindo presidente, o Sr. Núñez, decidiu que fose alcalde o que parecía menos conflitivo.
Despois comezaron as imputacións de todos eles e agora están case todos e todas pasando polos xulgados. Eu xa o escribín fai máis dun ano, que unha cidade como Compostela non pode permitirse tanta corruptela, pero aquí non pasa nada. O presidente vai cambiando o seu discurso a medida que xorden novas imputacións e agora aparece Rueda, que ten que ir aparecendo nos medios para poder ser o presidente da Xunta cando Feijoo marche para Madrid, pois aparece Rueda dicindo que todo vai ben e que non hai plan B no caso de que os imputados por prevaricación acaben condenados.
Mentres tanto sego pensando que é unha mágoa que Conde Roa gañase unhas eleccións por quince votos que perdeu o BNG. Ao final son as persoas de esquerdas as que quedan na casa pensando que non val a pena, que por un voto, que non nos representan e que total nada vai cambiar...
Mércores
Están no xulgado doce persoas acusadas de insultos e agresións na manifestación de Galicia Bilingüe do ano 2009. Os insultos e a violencia non están ben, sobran, nos degradan como seres pensantes. Pero os medios de comunicación poderían tamén explicar que a esa manifestación chegaron autobuses dende Valladolid, Madrid e outras cidades españolas con simpatizantes e votantes de UPyD, entre outros.
Tamén hai que dicir que era unha manifestación en contra do galego, da lingua galega, e que ao fronte estaba una muller chamada Rosa Díez, que algo persoal debe ter en contra do galego como lingua e do galego como pobo cando utiliza o termo, galego, como un insulto. Ou polo menos foi o que empregou para definir a Zapatero como “gallego en el peor sentido de la palabra”.
E iso tamén é violencia. Manifestarse contra da língua na que me expreso e na que lles falo aos que máis quero é unha forma de violencia. Insultar a un pobo por defender a lingua propia é violencia, sobre todo se veñen de fora para dar a entender que é necesario axudar aos falantes de castelán a defenderse dos ataques por parte dos que falamos en galego na intimidade.
Iso é o que fai o partido de Rosa Díez, crear conflitos onde non existen para obter votos. É puro populismo, e debemos pensar que o populismo e os mensaxes que se poden explicar con dúas frases nunca levaron aos pobos de europa a nada bo. UP y D é un partido que busca votantes descontentos para seguir encirrando, que serven para criticar e criticar, pero que apenas aportan solucións.



Nenhum comentário:

Postar um comentário