quinta-feira, 16 de outubro de 2014

Rebaixas Agustín!!

Cidade da Cultura dende un balado calquera.

Pois nós xa comezamos a facer plans para saber no que imos gastar a pasta que Agustín nos vai dar. Ben, en realidade non é que o alcalde de Compostela vaia ir repartindo cartos, en realidade o que vai facer é non subir os impostos para o ano que ven, pero tal e como están falando do asunto nos medios de comunicación da capital de Galiza parece que sexa Agustín Hernández Fernández de Rojas o que fai o favor de rebaixar a carga fiscal da cidadanía compostelá.
Nótase que veñen eleccións.
As cousas non andan moi claras por Raxoi e como o novo alcalde non ten demasiado carisma faise necesario que apareza até na sopa, coma se fose él o que dirixe o cotarro. Cando non é pola carreira pedestre é pola presentación dun evento de sona internacional que ninguén coñece, como o WOMEX, que vai celebrarse en Compostela e que nen sequera teñen o detalle de poñer na súa páxina un apartado en galego. Supoño que cando presenten as facturas virá todo traducido para que a Xunta e o Concello poidan pagar o que sexa necesario.
E así anda Agustín, falando de cousas das que non tiña coñecemento, ofrecendo rebaixas fiscais e deixándose ver pola cidade coma se dun cidadán máis se tratase. Hai que acumular horas de presencia nos medios, aínda que en realidade non se estea facendo moita cousa. Fai uns meses non había cartos para nada, o concello non podía vir limpar os balados do noso barrio porque non había orzamento, e agora resulta que imos tan sobrados que incluso podemos facer unha rebaixa xeral de impostos, que non é outra cousa que deixar de ingresar.
A verdade é que o plan é perfecto. Se gañan as eleccións municipais irán matizando iso da rebaixa de impostos. Xa sabedes, a rebaixa do IBI era para as rentas máis baixas con dous fillos e unha filla morena e a bonificación para a vivendas de protección autonómica será aplicable a aqueles propietarios cuxo DNI coincida co número premiado co “gordo de navidad”.
E se perden, como é previsible, sempre poden centrar a súa oposición dicindo que eles rebaixaron os impostos no seu momento (cando aínda non fixeron tal) e que miraban polo ben común.

Mellor sería explicar cando custa organizar tantos eventos na Cidade da Cultura ou canto pagou o Consello de Santiago de Compostela por ter á volta ciclista a España pola cidade. Non vaia ser que esteamos gastando máis cartos en organizar eventos que no mantemento dos servizos básicos da cidade.