segunda-feira, 30 de junho de 2014

Amiguiños si, pero ABANCA polo que vale.

Ainda estou algo durmido cando din na radio que a Novacaixagalica vanlle chamar A VACA. A Vaca? A verdade é que non está mal, moita fame quitaron as vaquiñas dos labregos galegos naqueles tempos escuros nos que xa vivían ben os avós dos que agora viven ben. As vacas son un símbolo, unha metáfora da realidade galega, traballoriñas como elas mesmas, sempre pastando á súa bola sen saber se van para un lado ou van para outro. A Vaca mola como nome para un banco, gústame!!!
Pero non, non é A Vaca, senón ABANCA!!! E iso vai ser un problema. Abanca leva anos aparecendo en centos de manifestacións, e sempre acompañada de expresións moi pouco xenerosas. A saber: “A Banca rouba”, “Recórtannos a nós para darllelo á Banca” “Políticos e banqueiros, a mesma cousa son”.... Non parece moi acertado poñerlle a un banco o nome de Abanca.
Supoño que é porque aquí era moi frecuente escoitar aquilo de vou á Caixa, dixéronme os da Caixa, déronmo na Caixa (raramente). E como agora xa non é unha caixa, senón un banco, pois queda ben dicir que tes os cartos na Abanca.
Pero vai ser un problema. Sobre todo na cidade de La Coruña. Dada a tendencia que teñen dende os tempos de Paco a intentar que todo soe a castelán non tardarán en chamarlle Labanca. Non descartedes que aparezan eles pintados nos carteis das oficinas bancarias, ou abancarias, que igual é como lles chaman a partir de agora. “Te tengo que ir a Labanca, a ver si me ingresaron la pensión” dirán as veciñas del Parrote camiñando con paso firme pola Estreita de San Andrés.

Ao fin chamaremos á sucursal do Banesco en Galiza como nos pete, pero por moito que insista o noso lindo presidente, os representantes das grandes empresas galegas, a sociedade civil e cultural de Galiza, Abanca non é galega. As caixas galegas escangalláronas os que agora nos queren convencer de que isto que temos é a mellor solución que había. Foron eles, os que formaban parte dos consellos das caixas cobrando moita pasta pos asistir ás reunións os que non souberon xestionar o que tiñan entre mans e os que as malvenderon ou regalaron. Poden encher os vidros das súas oficinas con publicidade e mensaxes de confianza e de amor eterno que nós xa non somos os de antes. Sabemos que nos queren, que queren ser o noso banco, que van darnos pasta para todo e que de paso van vir arranxarnos a porta dese armario que non pecha ben. Da igual, estamos de volta e con expresión vacuna diremos aquilo que fai cen anos diría Castelao: “Amiguiños si, pero ABANCA polo que vale!!”

Nenhum comentário:

Postar um comentário