Ás
veces para facer algo novo hai que romper co vello; ás veces antes
de construír é necesario derrubar. Hai ocasións nas que debemos
facer un esforzo extra para quebrar coa rutina e coa costume e
atreverse a facer algo distinto. E corremos o risco de que o novo non
mellore a situación actual, é certo, pero a vida é cambio, é
transformación, e quen non está disposto a perder poucas veces
poderá gañar.
Andan
estes días por Compostela algo alborotados coa Casa da Xuventude e
coa necesidade ou non de derrubala. Calquera que teña un pouco de
imaxinación verá que ese espazo queda moito mellor sen ese
edificio, e calquera que teña un pouco de memoria recordará que
antes das eleccións os partidos xa manifestaron a súa posición
sobre este asunto, e a cidadanía compostelá votou. Os partidos que
estaban a favor do seu derrube foron os dous máis votados, de 25
concelleiras, 17 están a favor do derrube e 8 están a favor de
conservala. Son simplemente datos.
Pero
alén disto, hai que pensar no que supón gobernar. Ademais de
xestionar hai que buscar mellorar, cambiar de algún modo a realidade
das cidades e o día a día dos cidadáns. O tema da Casa da
Xuventude entra dentro da idea de cidade que ten o bng. Non é algo
novo que o urbanismo e a humanización das vilas é un dos piares
básicos da acción de goberno do bng. Pontevedra ou Corcubión son
dous exemplos, e á vez demostran que para levar a cabo certas
transformacións é preciso tempo.
Derrubar
para refacer, para transformar un espazo, un entorno. Porque ás
veces parece que o que se pretende é tirar un edificio cando en
realidade é un primeiro paso para crear un lugar de encontro para a
cidadanía, un punto de reunión para asociacións que organicen
diversos e variados actos. Espazos abertos a diversas manifestacións
culturais e sociais. Pluralidade.
Falan
dos cartos que se perden, e non é correcto. Os cartos que a
Deputación da Coruña puxo sobre a mesa nun acto de campaña
electoral para intentar darlle ao Bugallo algo que poder ofrecer á
cidadanía despois de catro anos paseando pola cidade, eses cartos,
digo, son única e exclusivamente para investir nun edificio
innecesario. Di a Deputación que precisa oficinas cando xa ten
oficinas de sobra na cidade, e iso está claro pois a mesma
Deputación di que no convenio cederá a maior parte dese edificio ao
Concello. A ver, Deputación, arre ou so, precisas ou non precisas
espazos en Compostela? Critícase ao Concello que deixe pasar este
investimento, pero acaso deben facerse as cousas polo simple feito
que chas financien?
Parece
máis lóxico pensar que primeiro hai un proxecto de cidade, unha
idea e unhas prioridades e despois unha busca de financiamento. E
claramente este edificio non forma parte do que pretende levar a cabo
o bng en Compostela, e o mellor é que levan dicíndoo de maneira moi
nidia dende o principio.
E
así estamos. E xa está falándose de descomposición do goberno
pola diferente opinión sobre o asunto que teñen os dous partidos
que están . É o que ten o PP, que non entende que dentro dun grupo
de traballo poden existir distintos puntos de vista e mesmo chegar a
entendementos. E neste caso o partido popular de Santiago leva dende
maio intentando derrubar o que están intentando facer os outros.
Pedindo explicacións sobre asuntos que xa estaban decididos dende
antes de que a nova corporación tomase posesión das súas actas ou
demandando imposibles que, no mellor dos casos, demostran un
descoñecemento total do funcionamento da administración e no peor,
unha manifesta mala fe por parte de persoas que presumen de bos
xestores e que por formación e por postos ocupados con anterioridade
deberán coñecer perfectamente o funcionamento da administración
pública. Trátase, en definitiva, de afogar as novas ideas antes de
que cheguen a florecer, non vaia ser que a cidadanía descubra que
hai outras formas de facer as cousas e mesmo de facer política.