domingo, 16 de junho de 2013

Non vaia ser!


Escoito na radio a historia dun tipo de Valencia que quere abrir un negocio para peregrinos en Compostela pero non pode porque a funcionaria do Concello que ten que tramitar os permisos necesarios está de baixa e ninguén pode facerse cargo do asunto. Isto, obviamente, é unha parvada xa que sempre haberá un superior que poida asumir as funcións do que está de baixa, no caso de que o que falta teña responsabilidade. E se a que falta é unha persoa que soamente tramita a solución é moito máis doada xa que para tramitar val un funcionario calquera, incluso os xefes.

Cóntame a dependenta da panadaría que o sevillano que está intentando abrir a hospedaxe do lado tivo que escoitar como un veciño o ameazaba con denuncialo a sanidade e lle dicía que entre todos estes novos locais que abren na Rúa de Concheiros están facendo que o barrio xa non fose barrio nin nada.

Na rúa do lado as taberneiras dun pequeno café queren abrir de novo o local de en fronte, que sempre foi un bar no que daban xantares pero que leva anos pechado. Teñen que facer tantas obras para axustarse ás novas leises e son tantos os organismos que teñen que facer informes favorábeis (sanidade, industria, turismo, Xacobeo, concello de Santiago de Compostela) que ao final van quedar no seu pequeno local e non ven fácil ampliar o negocio a restaurante e seguramente non precisaran contratar a dúas ou tres persoas máis no caso de que o negocio funcionase ben.

Somos así. Nestes tempos de crise os gobernantes falan de emprendedores e da necesidade do autoemprego, pero seguen complicando as cousas con trámites administrativos e lexislación até quitarlle as ganas aos poucos que teñen ganas de facelo. En lugar de facilitar as cousas poñen taxas e máis taxas. Iso si, o noso lindo Presidente non ten reparos en facilitar a entrada de capital foráneo na industria do naval ou en permitir que as empresas do Canadá busquen ouro e outros metais preciosos desfacendo montes e contaminando ríos. Para as grandes empresas todo son facilidades.

E que contar do sempre tan desconfiado pobo galego. Vemos unha ameaza ao noso no tipo que ven a abrir un local ao lado da casa e que pode xerar emprego e facer que o bar, a panadería e a tenda do lado gañen catro pesos. Amólanos que ao veciño lle vaia ben, pero non nos importa que nos abran grandes centros comerciais na cidade e en lugar de levar aos nenos a tomar unha boa tapa de tortilla ao bar Manolo levámolos a tomar o McMenú pensando que somos modernos.

Somos así. Choromicamos ao ver marchar á nosa mocidade pero non facemos nada por que se queden. Pensamos que aquí non hai futuro e teñen que ser os de fora os que monten pequenos negocios. Mágoa que en lugar de apoialos pensemos que rachan coa nosa maneira de facer as cousas e co noso estarse quieto, non vaia ser.