sexta-feira, 13 de junho de 2014

Froilán III, El Rey da Galiza.


Luns
Pobre Agustín, co tranquilo que estaba na súa querida consellería e agora ten que trasladarse ao pazo de Raxoi para facerse cargo da desfeita que organizaron entre Conde Roa, Adrián e Currás, entre outros. Despois de tantos anos ocupando cargos de responsabilidade vai e ten que responsabilizarse das porcalladas dos outros. Resulta irónico manterse limpo dende os tempos de Cuiña, ser impulsado polo presidente Núñez Feijoo ao máis alto da consellería e do partido e rematar facendo tarefas de limpeza, de saneamento político. Él, Agustín Hernández, que tan feliz era ocupándose das cousas de infraestruturas, urbanismo e vivenda vai ter que enredarse co día a día dunha cidade, organizando as festas do día da patria galega, recibindo ao bispo de cando en vez, atendendo ás demandas do reitor e dos decanos...
En fin, o pobre Agustín esperaba acompañar ao noso lindo presidente na súa aventura madrileña e resulta que vai Alberto Núñez e o pon de alcalde. Tanta lealdade e tanto non dar que falar para rematar así...

Martes
A forma de escoller candidatos do PP é rápido e precioso. O pleno do Concello de Santiago aínda non escolleu a Agustín Hernández Fernández de Rojas como alcalde e xa Feijoo dixo que sería o candidato para as seguintes eleccións municipais. Pouco importa o que diga o PP compostelán ou os militantes e afiliados, Agustín será o candidato porque él o val, e porque o di Núñez Feijoo. Para que andar coas trangalladas estas do PSOE de andar presentándose candidatos para que a xente escolla a opción que lle parece mellor. No PP xa Nuñez Feijoo pensa por todos e todas. Ao fin e ao cabo, debe ter tamén o estado na cabeza, como lle acontecía a Manuel Fraga.

Xoves
Queremos a Froilán de Rei de Galiza!! Xa está ben de parvadas. Se Elena é duquesa de Lugo o sei fillo será El Rey, Froilán III de Galiza. Isto é o que pensamos moitos, se temos que ter monarquía, queremos unha monarquía galega na que sexa a filla maior do rey español a que herde os dereitos sucesorios. E Froilán xa demostrou a súa valía no manexo de armas, non lle fai falta vestirse de militar para contentar aos xenerais.

Venres
Confirmado, Rogelio Martínez, un dos superdelegados de Núñez Feijoo está acusado de fraude cos fondos europeos. Xa sei que un político acusado de falsidade documental, fraude e malversación de fondos públicos non é novidade, pero é que este leva dende o 2006 presentando recursos coa típica escusa infantil de que él non foi, que non sabía o que facía e que seguramente foi cousa de José Luís Baltar e non del.
E o peor é que tamén a fiscalía dixo que bueno, que non era para tanto, que non había como para facer xuízo e o presidente da Xunta non viu motivo para cambiar de delegado da Xunta en Ourense. Non vaia ser que alguén se ofenda, que todos sabemos o que acontece por Ourense, que son moi seus e non lles gusta que ninguén se meta no deles.
Pero o certo é que os de Europa din que hai fraude na xestión de 13 millóns de euros que eran para facer depuradoras na provincia de Ourense e agora non aparecen por ningures, nin os cartos nin as depuradoras, claro...

Iso si, Baltar fillo vai presumindo de código ético polo mundo adiante... 

Nenhum comentário:

Postar um comentário