sexta-feira, 15 de fevereiro de 2013

Santiago de Corruptela



Non está mal para unha vila de algo menos de cen milleiros de habitantes. Se fai uns meses era Conde Roa o que abandonaba a alcaldía ao ser imputado por fraude fiscal, agora son o edil de Seguridade, Albino Vázquez Aldrey, e antigo xefe de gabinete de Conde Roa, Ángel Espadas, entre outros, aos que levaron presos para declarar perante a xuiza.
Recordemos que anteriormente tamén o alcalde actual, Ángel Currás, e a cocelleira de Educación, Rebeca Domínguez, tiveron que ir declarar, e que hai unha chea de persoas relacionadas co PP de Santiago de Compostela que están sendo chamados a declarar nestes días.

Un caso entre outros, un caso máis. Pero deberiamos pensar qué é o que pasa co Partido Popular na capital de Galiza. O noso lindo Presidente di que algo raro pasa, e que alguén tería que pedir disculpas, como se iso fose suficiente. Se lle cadra o que acontece, como en tantos outros concellos, é que os integrantes do PP non son xentes con ideoloxía de centro ou de dereitas, senón que son empresarios que para favorecerse os uns aos outros entran en política. Tamén pode ser que a cercanía á Xunta de Galicia faga que algúns vicios da administración autonómica pasen á administración local con demasiada facilidade.

Sexa como for, parece claro que algo non funciona dentro do PP compostelán. Tendo en conta que obtiveron o goberno con moi poucos votos de diferenza deberían ter un pouco de coidado ao escoller ás persoas que se presentan ás eleccións. Unha mazá podre pode habela en calquera cesta, pero é que a cesta do Partido Popular en Santiago de Compostela comeza a parecerse ao colector do lixo verde.


sexta-feira, 1 de fevereiro de 2013

O día un de febreiro.




O día un de febreiro  é un bo día para comezar a farfallar, sobre todo cando é venres e podemos dedicar o día a pasear polo monte e reflexionar sobre o que imos contar neste novo espazo que hoxe principio.
 
Lamentabelmente, hoxe foi un deses días nos que a chovia e o vento fan que sexa moi traballoso pensar nalgo que non sexa poñerse ao abeiro, polo que nin andiven polo monte nin escollín de que cousas esbardallarei neste blogue. Tampouco sería fácil facer unha escolma do que falar neste primeiro apuntamento: papeliños de tesoureiros, inocentes infantas enganadas, presidentes do goberno que negan todo coñecemento, o noso lindo presidente dicindo que él acaba de chegar...
 
Por iso o mellor que podo facer é poñer esta linda fotografía e dar poucas explicacións sobre o que pretendo facer aquí. Son os tempos que vivimos. Ninguén da explicacións sobre nada, e eu non vou ser menos. Falarei do que me pete e cando me pete. Sobre as miñas cousas, as cousas nosas e cousas deles, pero paseniño e sen agonías. Mentres tanto podes botarlle unha ollada ao Pico Sacro...