quinta-feira, 19 de outubro de 2023

De arquetas, trombas de auga e bebidas enerxéticas.



 

A cousa tería a súa gracia se non fose porque cobra, e moito, dos impostos de todas as galegas e tal vez debera exixírselle un pouco máis. Que o PP de Compostela ten instrucións claras de facer unha campaña de acoso e derribo ao goberno de esquerdas é algo que non debera sorprendernos. Os que xa estabamos interesados en política fai 20 anos recordaremos a impúdica e inmoral campaña da Voz de Galicia contra o goberno de Touriño, e como algúns lamentábamos que o goberno bipartido non decidira naquel momento abrir as fiestras e ventilar todo o que estaba nos caixóns do goberno de Fraga.

É agora, nestes duros días de outono, parece cada vez máis claro que o representante dos populares está seguindo punto por punto a campaña de desprestixio que adoita facer o Partido Popular cando non goberna. As instrucións que lles deron foron moi claras, atacar e atacar dende o primeiro día. Calquera cousa da que poida sacarse un titular nos medios de comunicacións ou nas redes sociais servirá. Pouco importa se o tema depende ou non depende do goberno local, ou que mesmo sexan temas que precisan tempo para arranxarse.

Hai que dicir que todo o fan mal é á vez dicir non a todo, mesmo ás festas de nadal!!

O que pasa é que ás veces podemos pasarnos de freada. Pois saír a culpar á alcaldesa de Compostela polas inundacións cando estamos vivindo un episodio de choiva intensa que está sorprendendo a todos resulta, cando menos, gracioso. Cando chove como está chovendo estes días é moi difícil evitar os asolagamentos, sobre todo nunha cidade como Compostela. Estaban os servizos de emerxencia traballando arreo, a choiva caendo como se non houbera futuro e quen máis e quen menos abraiado coa intensidade da treboada cando xa o líder do Partido Popular comezou a culpar de todos os males á alcaldesa, coma se a súa función fose andar polas beirarrúas limpando arquetas. Diríase que as ansias por chegar ao goberno están acelerando un pouco de máis ao Sr. Verea.

Tal vez por iso a Xunta, que está gobernada tamén polo PP e tende a mirar, antes que nada, polos intereses e polo benestar dos seus, está limitando o consumo de bebidas enerxéticas aos menores de idade. Xa bastante acelerados andan correndo dun lado a outro sacándose fotos en charcos, aparcadoiros e en eventos varios como para que lles dea por tomar un Red Bull que lles dea alas. Corren o risco de intentar voar demasiado alto e que como un Ícaro indefenso e sorprendido rematen coas ás da derretidas polo calorciño que da a evidencia.