segunda-feira, 25 de setembro de 2023

As chacotas no Internet

 


Que un home de máis de 80 anos pense que é unha ocorrencia graciosa facer comentarios sobre o peinado dunha deputada do Congreso e Ministra do Goberno de España pode entrar dentro do normal. É totalmente criticable, sobre todo se a parvada en cuestión ven dun home que foi un referente político da esquerda e que contribuíu ao cambio profundo (e a mellor) dun país. Pero inevitablemente pertence a unha xeración moi alonxada da sociedade de hoxe en día, e hai formas de entender o mundo e a sociedade que quedan fosilizadas nas mentes das persoas e que son moi difíciles de mudar, aínda que a unha persoa coa lucidez e intelixencia social de Alfonso Guerra se lle podería esixir un pouco máis de compromiso e esforzo para adaptarse aos novos tempos e ao discurso que defende o partido político no que milita.

Sen embargo, que un mozo de 30 anos se permita esas babecadas na rede social entra, no mellor dos casos, dentro da provocación intencionada e no peor nunha profunda e preocupante incoherencia entre o que se di e o que se pensa. Adrián Villa, o concellal do Partido Popular de Santiago que fixo un comentario machista sobre unha deputada e unha parlamentaria, non parece ter moi claro cal é o sitio que ocupa e o que se espera del. Pode que na súa vida privada estas parvadas sexan un bo entretemento para el e para os seus compañeiros, e mesmo compañeiras. Pero cando ostentas un cargo público coido que debes ser máis coidadoso co tono e os comentarios que fas.

Pero ademáis de ser tremendamente machista referirse á forma de vestir e de peinarse das mulleres para facer unha “crítica” da súa actividade política, o edil do partido popular deixa entrever certa falta de respeto cara ao sistema de representación no que se basea a nosa democracia. Tanto Yolanda Díaz como Ana Pontón son dúas mulleres que representan á cidadania no Congreso español e no Parlamento galego, e como tal merecen un respeto ao que o Sr. Villa falta dunha maneira preocupante, non tanto pola mistura de bravún e machismo que denota, senón polo descoñecemento das institucións que parece ter. Tanto a ministra como a parlamentaria veñen a Santiago exercendo os seus cargos públicos, e non de visita lúdica festiva como parece insinuar o concellal do partido popular.

Tal vez o que lle disgusta a partido popular, tal e como manifestou o Sr. Verea, e que Ana Pontón se reúna coa Alcaldesa de Santiago de Compostela no Concello. Resulta agora que o líder da oposición no Concello de Santiago ten atribuída a xestión da axenda da Alcaldesa. Pero é que ademáis, o grupo popular na cidade presume de reunirse con toda canta asociación, movemento veciñal, comisión de festas e grupo de amigos de la caza existan na cidade para coñecer de primeira man súas demandas e necesidades (sempre tan desatendidas e incomprendidas polo goberno bipartito) e así poder exercer a súa labor de oposición. Pero se é a líder da oposición no Parlamento de Galicia a que ven coñecer de primeira man as necesidades do Concello de Santiago e as demandas que se lle fan á Xunta de Galica resulta que son actos electoralistas.


Nenhum comentário:

Postar um comentário