segunda-feira, 21 de abril de 2014

O encaixe dos eucaliptos


Venres

No telexornal explican como teñen que ir vestidas ás mulleres para ir ás procesións. De negro, a saia polo xeonllo, os brincos máis ben largos e o cabelo recollido. Algúns incluso visten ás crianzas dun xeito axeitado para ver pasar os santos e virxes. Moito respecto e moita devoción, xa sabedes.

Non podo evitar pensar que estas mesmas xentes vestiranse con cores vivas e alegres dentro dun par de semanas para celebrar a Feira de Abril. E coa mesma paixón e sentimento co que agora sacan as súas imaxes ás rúas sairán despois a vivir a festa, irán aos toros ou correrán polas rúas de Pamplona.

Será este sentimento folclórico o que nos une?

Sábado

Escoito na radio falar sobre a Feira do Encaixe de Camariñas. Un home entrevista a outro home que fala sobre o mérito que teñen as palilleiras, esas mulleres que manteñen vivo un saber centenario. O entrevistador pregúntalle ao home se é palilla. Non, él non palilla, pero palilla a súa muller e os seus fillos. ¿Os seus fillos varóns? Non, eles tampouco palillan, palillan as raparigas, claro.

E o tipo, que resulta ser o alcalde, segue gabándose do traballo e da constancia das mulleres de Camariñas, do mérito que teñen, do moito que valen e unha cousa e outra. E eu penso que se todo o mérito é delas, que carallo fai o alcalde explicando as virtudes e as grandezas dun traballo que él non fai? Acaso non saben falar as mulleres de Camariñas? Acaso os homes da radio teñen a obriga de entrevistar aos alcaldes para que falen de todos os temas? Ou será que son os alcaldes os que lles pagan aos homes das radios para que fagan os programas dende os seus pobos?



Luns

Seica baixa o prezo do eucalipto, e baixa de tan xeito que os que se dedican ao negocio din que van ir pechando as empresas e moita xente quedará na rúa. O de sempre, xa sabedes.

Aquí sómosche así!!

Os paisanos enchendo os montes de eucalipto porque á volta de dez ou quince anos lles pagaban uns cartiños que no mellor dos casos daba para tapar algún burato. A Xunta subvencionando as plantacións de eucalipto igual que as de outras especies para beneficiar os intereses das grandes empresas de tratamento de madeira e agora estas empresas deciden que hai que baixar os prezos.

Fai moitos anos, cando intentabas explicar que Galiza tiña que ser unha potencia na madeira e adoptar o modelo finés a xente esmendrellábase coa risa. Para qué plantar castiñeiros ou carballos ou nogueiras se o eucalipto e o pino daban cartos máis rapidiño. Agora o que sobran son eucaliptos e xente vendendo eucaliptos.

Que pidan subvención, que ao final os galegos teremos que especializarnos la petición de subvencións.

Por certo, que houbo unha vez un tipo que tiña un plan para o monte galego. E era conselleiro! Pero claro, cómo falar agora do bipartito e das moitas reformas que quixeron implantar. Falar da política para o rural de Suárez Canal é como intentar volver ao mundo de nunca xamais. Xa se sabe que os do bipartito só mercaban sillas e un audi...

quarta-feira, 16 de abril de 2014

Europa en Semana Santa.


Luns
Descubro abraiado que un dos galegos que vai nas listas do PP para o Parlamento europeo é o cuñado de Rajoy. Como tantos outros políticos, Francisco Millán Mon pertence a unha familia que xa estaba metida en política en tempos de Franco e ocupaban cargos de autoridade. Despois fixéronse demócratas, opuxéronse á constitución e agora son os maiores defensores da inmutabilidade da Carta Magna. Son os de sempre, os que non queren que cambien as cousas para manterse eles arriba e os demais servindo.
E haberá quen diga que son todos iguais, que non val a pena ir a votar e que o que queren é apoltronarse. É certo, pode ser certo, pero se lle cadra val a pena sacar a uns para poñer a outros e non agardar a que se cansen e marche, como fixo a filla de Fraga, que despois de vinte anos no Parlamento europeo dixo que xa estaba ben, que moito tiña traballado polo ben dos galegos e que ía dedicarse a outras cousas...


Martes
De novo enfermos e de novo co neno na pediatra. O que sorprende é a pouca xente que se pon enferma en Semana Santa. Incluso temos sitio para aparcar no aparcadoiro do centro de saúde!!
Eu non sei de onde sacará a xente os días libres para poder marchar de vacacións, pero o realmente curioso é que nin os nenos nin os anciáns teñan que ir ao médico cando hai vacacións.
Será cousa de fe e devoción?


Mércores
Temos que soportar as rúas cortadas? Temos que ver na televisión a tanto home disfrazado levando imaxes de santas e de cristos? É normal tanta devoción e tanta parvada? Eses homes non traballan ou no convenio teñen días libres para facer de bestas de carga? Porque moita crenza e moita tradición, pero non se ven moitos curas e bispos arrimando o ombro...

E despois parécenos raro que non sexamos produtivos e que as nosas crianzas e a nosa mocidade non rendan o suficiente nas probas académicas. Imos de ponte en ponte e de vacacións en vacacións... pero quedan tan bonitas as procesións...

sexta-feira, 11 de abril de 2014

O Presidente enfadado

Martes
Pasan polo xulgado uns cantos mozos arrestados polas refregas coa policía nas protestas dos mariñeiros do cerco en Compostela. Segundo din os que mandan, pertencen a grupos anarquistas, antisistema e estudantes. E os medios de comunicación, xa se sabe, falando de violentos e violencias para que aprendamos a manifestarnos ordenadamente.
O que quixera escoitar é aos mariñeiros pedindo un pouco de comprensión con esta mocidade ou cando menos solidarizándose con elese con elas. Ou acaso non saben os mariñeiros que se obtiveron un acordo foi grazas a estes radicais incendiarios? Ou non lembran que andaban de aquí para alá sen que ninguén os recibise, berrando nas portas de San Caetano e na Rúa do Hórreo sen que a señora conselleira baixase do seu coche oficial para saber qué querían.
É triste dicilo, pero fai falta romper cousas para que os gobernantes escoiten. Só ás liortas e o lume sae nos medios de comunicación. O resto como se non existise.


Mércores
A miña nova xefa ven dicirme que teño que adiantar un pouco o traballo, que vai acumulárseme o chollo. Con total claridade e sen gardarme nada para min explícolle que estou totalmente desmotivado no meu traballo, que non me gusta o reparto de funcións e que me sinto totalmente desprezado. Eu xa sei que se trata das fases normais de adaptación ao cambio. Negación, ira, sentimentos de minisvaloración e despois adaptación á nova situación. Non sei o que vai durar, pero como na miña empresa son os mediocres e incapaces os que máis progresan estou considerando seriamente volverme un traballador mediocre e insubstancial.


Xoves
O noso lindo Presidente, o Sr. Núñez Feijoo, está en estado de enfado perpetuo. Ben, está enfadado sempre que ten que acudir ao Parlamento galego, que cando anda polas américas ben contento que se lle ve. Supoño que está canso de agardar a que conten con él para formar parte do goberno de España. Quere un ministerio, e quéreo xa, sobre todo tendo en conta o ben que está deixando a Galiza.
Sexa polo que for, sempre que ten que falar no Parlamento galego ponse en plan “broncas” e en lugar de contestar ao que se lle pregunta parece que está reprendendo aos parlamentarios polo seu mal comportamento ou polas súas malas ideas. Supoño que é un trazo determinante dos políticos paternalistas que se cren na obriga de guiar aos demais polo bo camiño.



quarta-feira, 9 de abril de 2014

Fluidasa

Luns.
Como levo un mes cun destes catarros primaverais que parece que van empeorando cada día pero que en realidade se manteñen na incerteza decido ir á doutora. Debía ter ido antes, seino, pero é que a doutora que me tocou en gracia ten unha estraña querenza polos gargarexos e polo ibuprofeno e non pensei que este catarro fose complicarse tanto.
Total, que o luns vou e me receita uns antibióticos e un xarope. Os antibióticos atópoos na segunda farmacia que visito, pero o Fluidasa non. As farmacéuticas vanme contando que fai unha semana que non lles mandan o Fluidasa, que non entenden o que pasa, que xa pasaron varias persoas ás que non puideron servirllo...
Na quinta farmacia atopo o Fluidasa, e explícanme que claro, que é normal que se esgote porque é o único que entra polo seguro. Tamén me conta que ultimamente faltan os medicamentos máis comúns e casualmente os que entran no seguro.
Se eu fose malpensado pensaría que se trata dunha manobra dos laboratorios para vender os xaropes que non entran no seguro. E podería pensar tamén que á Consellería de Sanidade lle interesa que estes xaropes estean esgotados. Ao doente que lle din que o medicamento que lle receitaron non aparece non lle importará mercar outro, aínda que teña que pagar por el. Cartiños que aforran e que porán enriba da mesa cando nos aseguren que co novo catálogo de medicamentos aforraron millón e racionalizaron a sanidade pública. De qué serve ter un catálogo de medicamentos se os medicamentos non están nas farmacias?

 


Xoves.
Paseando con Lois atopamos un montón de cabichas nunha beirarrúa. Como calquera neno de tres anos, o cativo pregúntame que qué é iso. Non sei que dicirlle. Como son un pouco bruto case lle digo que iso foi un porco ou porca que baleirou o cinceiro do seu coche na beirarrúa porque o que lle gusta é vivir rodeado de lixo e que seguramente pensa que hai que darlle traballo aos varredores. Quédome coas ganas e lle explico que a alguén lle deberon caer as cabichas ao chan e non se deu conta e que é xa sabe que o lixo hai que tiralo nas papeleiras.
En realidade pregúntome para qué perder o tempo educando ás crianzas para que respecten o espazo e ás cousas se o que ven a diario é o contrario do que nós lles dicimos?



segunda-feira, 7 de abril de 2014

O Príncipe por Compostela

Disque o Príncipe estivo de visita por Compostela para inaugurar unha exposición na Cidade da Cultura. Qué felicidade! Debeu ser unha mañá axitada na casa principesca. Xa sabedes, poñer en marcha ás dúas cativas sempre é complicado, que si os almorzos, preparar a parva para pasar a mañá, as mochilas cos libros... Supoño que por iso Felipe tivo que vir só e a súa dona quedou na casa.
O tema é que veu a Compostela a inaugurar unha exposición chamada "Auga doce". Seica querían chamarlle "Auga pura", pero como a exposición está en Compostela, a cidade na que toda corruptela é posíbel, pois decidiron deixalo en auga doce, auga do ceo ou auga que parece chuvia pero é pis.
Xa sabedes, mexan por nós e dicimos que chove.
Fai tempo que a equipa de goberno de Santiago de Compostela mexa por nós. O alcalde que os composteláns elixiron nas eleccións tivo que dimitir por non pagar os seus impostos, ademais doutras lindezas que se van descubrindo. Pero é que o novo, ese homiño con cariña de non ter escachado un prato e que conta con toda a confianza do noso lindo presidente, xa tivo que pasarse polo xulgado unhas cantas veces para declarar nun caso e noutro.
E temos a un falsificador de sinaturas, un rapaz ao que os compis de goberno deciden pagarlle as facturas do avogado, e ao final todos e todas desfilando polos xulgados por un asunto ou outro.
Isto é Santiago, amigos, a cidade na que os que gobernan parecen competir entre eles por ser os que máis imputacións teñen. Non é raro que o príncipe, despois da visita ao monte Gaiás marchara a almorzar cos empresarios pontevedreses. Acertadamente sospeitou que de quedar un par de horas máis en Compostela era posíbel que él mesmo rematara imputado.


quinta-feira, 5 de dezembro de 2013

Os dezanove lercháns.

O mércores escoito a José Manuel Barreiro falando na Radio Galega e non dicindo nada. Isto é normal, Barreiro é un político profesional, vicepresidente do PPdeG e voceiro do Grupo Popular no Senado. A culpa, como todos sabemos, foi de Zapatero, eles din sempre a verdade malia non responder nunca ao que se lles pregunta e o de Navantia está a piques de solucionarse gracias ao lindo presidente da Xunta de Galicia.
Pero o máis salientábel foi a frase na que di que algúns van ao Parlamento galego a facerse a foto máis que a traballar para buscar solucións. Ben puido o entrevistador preguntarlle polas solucións que aporta él e os dezanove senadores e senadoras galegas no Senado, pero o entrevistador, como teño comprobado, non soe preguntar aos políticos pola súa actividade senón polo que opinan da actividade dos demais.

O xoves comparece no Senado do Presidente do Fondo de Reestructuración Ordenada Bancaria (FROB) para informar da venta das entidades financeiras intervidas. Tendo en conta que Novacaixagalicia Banco está a piques de ser vendida por catro pesos pois o normal sería que a representación galega no Senado mostrase certa curiosidade e interese polo tema.
Nada.
Non preguntaron nadiña de nada. Nin os catorce do PP nin os cinco do PSOE foron quen de interesarse un chisquiño polos detalles da venta das antigas caixas galegas. Si, xa sei que están moi atarefados os senadores e senadoras buscando solucións e repasando o traballo do Congreso, pero se lle cadra estaría ben que se tomasen en serio aquilo que unha vez lin na Constitución Española sobre que o Senado é a cámara da representación territorial.
E ao final a opinión que me queda é que os homes e mulleres que me representan no Senado fan máis ben pouco. Parécenme un pouco lercháns, a verdade, cando coa que lles está caendo terían que se esforzar un pouco máis e facerse notar. Acaso non estaría ben que Torres Colomer ou López Veiga, que tan ben saían nas fotos cando aquelo do Prestige, chegaran a casa polo nadal explicándonos o que o estado español FROB ten pensado facer cos cartos dos galegos. Non sería esperanzador escoitarlles explicacións claras con datos concretos?

quinta-feira, 4 de julho de 2013

Aeroportos e asteleiros.



Convén que anotemos o que está acontecendo nestes días cos tres aeroportos galegos. É preciso que alguén deixe constancia de que están avisando dende Europa que van rematar as subvencións e que nós seguimos con tres aeroportos. Neste mes de xullo do ano 2013 faise necesario escribir que na Galiza estamos cada un ao seu mentres hai estudos que demostran que non son viables tres aeroportos para unha comunidade como a nosa. Incluso podemos preguntarnos se fai falta un xa que sempre nos queda Portugal, menos mal que nos queda Portugal...

A historia é a de sempre. O sector naval está en crise dende os anos 80 e cando entramos na Unión Europea xa se anos advertíu. Isto non pode seguir así! pero aquí non nos quixemos enterar. En lugar de modernizar empresas e investir en tecnoloxía pensamos que non ía ser para tanto, que se a cousa funcionou até o de agora malo será que non aguante uns anos máis. O caso é que dure até cobrar, que diría o outro.

E os políticos, os que teñen que organizar a cousa pública organizaban manifestacións na rúa. Igual que agora protestan polos aeroportos, antes protestaban polos asteleiros, pola pesca, pola cota láctea... Resulta patético ver ao alcalde de Vigo pedindo subvencións para un aeroporto en lugar de propoñer novos modelos productivos para unha cidade na que o paro vai en aumento. E que dicir da Coruña, cheiña como está de centros comerciais supoño que se precisan aeroporto é para que os de Madrid veñan facer as comprar aquí.

E nós?

Nós pensamos que se o noso pai traballaba nun asteleiro malo será que o noso fillo non poida seguir facendo barcos. Pensamos que se fai anos eramos mariñeiros agora teremos que seguir sendoo. E se nos din que é Europa que nos trata ben, que é Madrid que non pensa en nós, que é Santiago que chupa as subvencións para os aeroportos por alá vamos, pola rúa adiante protestando contra Almunia en lugar de pensar se aquí estamos facendo as cousas ben, se estamos esixindo que fagan as cousas ben.

Porque está moi ben que o noso lindo presidente queira ir protestar a Bruxelas, pero qué fai para crear emprego en Galiza. E qué votan os do seu partido en Europa? Acaso non existe un Parlamento Europeo no que o Partido Popular ten representantes que apoian as políticas europeas?

En fin, que está moi ben que cada un defenda o seu futuro e o seu emprego, pero hai cousas que veñen de atrás, e cando antes decidamos qué modelo productivo queremos para o noso país antes poderemos poñernos a traballar. Agora temos os asteleiros sen futuro, pero mañá teremos que pechar aeroportos, facultades, portos pesqueiros, polígonos industriais... E todo esto son cartos que agora estamos tirando e que despois, cando nos pidan contas, diremos que é que nos teñen manía...

Somos un país pequeno. Ou comezamos a funcionar como país ou de aquí a uns anos seremos unha atración turística para os peregrinos que veñan a Compostela e os clientes que veñan ao Ikea...