terça-feira, 11 de abril de 2017

O Monte Gaiás



Bosque de Galicia.
Así é como lle chaman á reforestación tipo plantación de eucaliptos que están a facer no Monte Gaiás.
Bosque de Galicia.
Trátase de crear un espazo verde coas especies propias do país, un bonito paseo polo que os visitantes da Cidade da Cultura poidan camiñar e respirar aire limpo. Como diría un urbanita, un pulmón verde para a cidade de Compostela.
Estas cousas están ben, hai que recoñecelo. Pero moito mellor estaría que en lugar de crear bosques artificiais coidasen os montes autóctonos e impedisen dunha vez a reforestación salvaxe e incontrolada con eucalipto que está a facer ENCE co apoio do Goberno autonómico. Ás veces penso que con isto do Gaiás o que intentan é gardar un recordo do que era o monte galego, tendo en conta que pronto deixará de existir. Do mesmo modo que hai parques etnográficos no que podemos ver como vivía antes a poboación galega é preciso crear un bosque de Galicia para saber que houbo un tempo no que había fragas con carballos, castiñeiros e sobreiras compartindo o mesmo espazo.
Pero chamarlle bosque... Eu xa sei que hai que aproveitar calquera cousa para ir eliminando a fala de Galiza do ambiente. Pero empregar unha palabra como bosque parece estar un pouco fora de lugar. Quen emprega a palabra bosque en Galiza? Acaso nas aldeas teñen as vacas pastando no bosque? Cómpranse coches cos cartos que lle deron pola madeira do bosque? Ou din os coruños que van ir ao bosque na fin de semana? En Galiza temos montes, a cabra tira ao monte, defendemos o noso monte e hai quen pensa que todo o monte é orégano. Mesmo falando en castelán a palabra que se emprega é monte, e non bosque, e o lugar onde Fraga decidíu montar "eso" que montaron chámase Monte Gaiás.

Dirán algúns que o que importa son os fins, que é moi importante plantar árbores, sobre todo árbores que vaian quedar aí durante moito tempo, pero non custaba nada empregar un termo máis galego, digo eu, e falar de Monte Galego. Así as xeracións do futuro saberán que houbo un tempo no que aquí había montes e mesmo había unha lingua morta que se chamaba galego. 

quarta-feira, 7 de outubro de 2015

O Rei e os directivos.




Anda o Rei Felipe pola Coruña pedíndolle aos rapaces da CEDE (Confederación Española de Directivos y Ejecutivos) que teñan en conta o talento e que intenten tirar proveito da mocidade, esa gran descoñecida. En realidade os directivos das grandes empresas fai moito que se están aproveitando da xuventude, sobre todo cando se trata de contratalos como becarios, en prácticas ou por unhas poucas horas á semana. E en canto ao talento pois xa se sabe, se é talento para enganar ás persoas consumidoras para que confiemos máis nas eléctricas que nas nosas nais pois ese talento págase, e moito. Só hai que ver o gran número de empresas de asesoría, consultaría e marketing que aparecen por todas partes. Agora ben, se o talento é para mellorar a vida das persoas ou para idear novas formas de relacionarnos e de intercambiar servizos e produtos fálase de utopías e proxectos irrealizábeis e a outra cousa.

Pero falaba do Rei Felipe, e de como Santiago Rey, o da Voz, vai e lle espeta que proxecta a mellor imaxe do noso país no mundo. E claro, isto choca un pouco co que di o propio Rei (Felipe) sobre o talento e a necesidade de aproveitarse da xuventude. Tivo que demostrar algún talento o Rei Felipe para chegar a onde chegou? Tivo que buscar investimentos para desenrolar o seu proxecto? É máis, acaso tivo que gastar un peso na súa educación? O Rei Felipe proxecta a imaxe dunha forma de organizar o mundo e de entender as relacións entre os cidadáns que queda moi atrás. Qué mérito e qué capacidade ten unha persoa que nunca tivo que demostrar a súa valía? Que exemplo de superación ou de emprendemento pode dar un home de case cincuenta anos que o único que tivo que facer foi deixarse levar?

Pero ben pensado, niso de deixarse levar é todo un profesional. Nun mesmo día inaugura o Congreso dos directivos na Coruña, entrega os premios do xornal institucional da Xunta e do Presidente da Xunta recibe a Credencial como Embaixador de Honor do Camiño de Santiago. A este paso vai ser capaz de estar en varios sitios á vez, como acontecía con Don Manuel. 

sexta-feira, 13 de fevereiro de 2015

Culpables e responsables.



Andan por Compostela a voltas co xuizo ao presunto ladrón do Códice Calixtino. Recordo que fai anos escribín algo sobre o tema e sobre o sospeitoso que resultaba todo. Tantos cartos que desaparecían sen que ninguén se decatase, tantos erros duns e doutros...

Agora o primeiro que fixo a avogada defensora foi cuestionar a instrucción do procedemento por parte do xuíz-novelista, Taín.

E non lle falta razón.

Dende o principio todo este asunto foi unha festa. Os medios de comunicación aportaban datos e máis datos sobre as conductas do chamado "electricista da catedral" e sobre a súa vida. Tamén se insinuaron rencillas entre clérigos e tamén algúns ciumes por amores, pero nisto non quixeron profundizar demasiado, non vaia ser...

Por se fose pouco, o propio xuíz encargado da instrucción decidíu aproveitar o tirón, e supoño que a información recopilada, para publicar unha novela, La leyenda del Santo Oculto, na que casualmente tamén rouban o Códice Calixtino da catedral compostelana.

E que dicir da serie que fixo a televisión de Galicia sobre o roubo, en apenas dous meses e dando unha versión de cómo foron os feitos antes de que os feitos fosen xulgados.

E agora estamos asistindo a un xuizo no que case todo o mundo ten unha idea xa formada sobre como foron os feitos e sobre quen é o culpable. E como soe ocorrer nestes casos, xa sexa nun roubo ou nun accidente ferroviario, toda a responsabilidade cae sobre unha soa persoa e ao final pasamos horas e horas recibindo información intrascendente sobre pequenos detalles e ninguén entra a fondo nas problemáticas.

Estámoslle dando moitas voltas aos cartos que sairon da catedral, pero o que debera preocuparnos son os cartos que entran, para que se empregan e que impostos pagan. Non vaia ser que ao final de todo esto os que mandan na catedral non teñan que dar explicación ningunha e quedemos todos conformes con que un tipo roubou algo e o pillaron.


quinta-feira, 16 de outubro de 2014

Rebaixas Agustín!!

Cidade da Cultura dende un balado calquera.

Pois nós xa comezamos a facer plans para saber no que imos gastar a pasta que Agustín nos vai dar. Ben, en realidade non é que o alcalde de Compostela vaia ir repartindo cartos, en realidade o que vai facer é non subir os impostos para o ano que ven, pero tal e como están falando do asunto nos medios de comunicación da capital de Galiza parece que sexa Agustín Hernández Fernández de Rojas o que fai o favor de rebaixar a carga fiscal da cidadanía compostelá.
Nótase que veñen eleccións.
As cousas non andan moi claras por Raxoi e como o novo alcalde non ten demasiado carisma faise necesario que apareza até na sopa, coma se fose él o que dirixe o cotarro. Cando non é pola carreira pedestre é pola presentación dun evento de sona internacional que ninguén coñece, como o WOMEX, que vai celebrarse en Compostela e que nen sequera teñen o detalle de poñer na súa páxina un apartado en galego. Supoño que cando presenten as facturas virá todo traducido para que a Xunta e o Concello poidan pagar o que sexa necesario.
E así anda Agustín, falando de cousas das que non tiña coñecemento, ofrecendo rebaixas fiscais e deixándose ver pola cidade coma se dun cidadán máis se tratase. Hai que acumular horas de presencia nos medios, aínda que en realidade non se estea facendo moita cousa. Fai uns meses non había cartos para nada, o concello non podía vir limpar os balados do noso barrio porque non había orzamento, e agora resulta que imos tan sobrados que incluso podemos facer unha rebaixa xeral de impostos, que non é outra cousa que deixar de ingresar.
A verdade é que o plan é perfecto. Se gañan as eleccións municipais irán matizando iso da rebaixa de impostos. Xa sabedes, a rebaixa do IBI era para as rentas máis baixas con dous fillos e unha filla morena e a bonificación para a vivendas de protección autonómica será aplicable a aqueles propietarios cuxo DNI coincida co número premiado co “gordo de navidad”.
E se perden, como é previsible, sempre poden centrar a súa oposición dicindo que eles rebaixaron os impostos no seu momento (cando aínda non fixeron tal) e que miraban polo ben común.

Mellor sería explicar cando custa organizar tantos eventos na Cidade da Cultura ou canto pagou o Consello de Santiago de Compostela por ter á volta ciclista a España pola cidade. Non vaia ser que esteamos gastando máis cartos en organizar eventos que no mantemento dos servizos básicos da cidade.

segunda-feira, 30 de junho de 2014

Amiguiños si, pero ABANCA polo que vale.

Ainda estou algo durmido cando din na radio que a Novacaixagalica vanlle chamar A VACA. A Vaca? A verdade é que non está mal, moita fame quitaron as vaquiñas dos labregos galegos naqueles tempos escuros nos que xa vivían ben os avós dos que agora viven ben. As vacas son un símbolo, unha metáfora da realidade galega, traballoriñas como elas mesmas, sempre pastando á súa bola sen saber se van para un lado ou van para outro. A Vaca mola como nome para un banco, gústame!!!
Pero non, non é A Vaca, senón ABANCA!!! E iso vai ser un problema. Abanca leva anos aparecendo en centos de manifestacións, e sempre acompañada de expresións moi pouco xenerosas. A saber: “A Banca rouba”, “Recórtannos a nós para darllelo á Banca” “Políticos e banqueiros, a mesma cousa son”.... Non parece moi acertado poñerlle a un banco o nome de Abanca.
Supoño que é porque aquí era moi frecuente escoitar aquilo de vou á Caixa, dixéronme os da Caixa, déronmo na Caixa (raramente). E como agora xa non é unha caixa, senón un banco, pois queda ben dicir que tes os cartos na Abanca.
Pero vai ser un problema. Sobre todo na cidade de La Coruña. Dada a tendencia que teñen dende os tempos de Paco a intentar que todo soe a castelán non tardarán en chamarlle Labanca. Non descartedes que aparezan eles pintados nos carteis das oficinas bancarias, ou abancarias, que igual é como lles chaman a partir de agora. “Te tengo que ir a Labanca, a ver si me ingresaron la pensión” dirán as veciñas del Parrote camiñando con paso firme pola Estreita de San Andrés.

Ao fin chamaremos á sucursal do Banesco en Galiza como nos pete, pero por moito que insista o noso lindo presidente, os representantes das grandes empresas galegas, a sociedade civil e cultural de Galiza, Abanca non é galega. As caixas galegas escangalláronas os que agora nos queren convencer de que isto que temos é a mellor solución que había. Foron eles, os que formaban parte dos consellos das caixas cobrando moita pasta pos asistir ás reunións os que non souberon xestionar o que tiñan entre mans e os que as malvenderon ou regalaron. Poden encher os vidros das súas oficinas con publicidade e mensaxes de confianza e de amor eterno que nós xa non somos os de antes. Sabemos que nos queren, que queren ser o noso banco, que van darnos pasta para todo e que de paso van vir arranxarnos a porta dese armario que non pecha ben. Da igual, estamos de volta e con expresión vacuna diremos aquilo que fai cen anos diría Castelao: “Amiguiños si, pero ABANCA polo que vale!!”

sexta-feira, 13 de junho de 2014

Froilán III, El Rey da Galiza.


Luns
Pobre Agustín, co tranquilo que estaba na súa querida consellería e agora ten que trasladarse ao pazo de Raxoi para facerse cargo da desfeita que organizaron entre Conde Roa, Adrián e Currás, entre outros. Despois de tantos anos ocupando cargos de responsabilidade vai e ten que responsabilizarse das porcalladas dos outros. Resulta irónico manterse limpo dende os tempos de Cuiña, ser impulsado polo presidente Núñez Feijoo ao máis alto da consellería e do partido e rematar facendo tarefas de limpeza, de saneamento político. Él, Agustín Hernández, que tan feliz era ocupándose das cousas de infraestruturas, urbanismo e vivenda vai ter que enredarse co día a día dunha cidade, organizando as festas do día da patria galega, recibindo ao bispo de cando en vez, atendendo ás demandas do reitor e dos decanos...
En fin, o pobre Agustín esperaba acompañar ao noso lindo presidente na súa aventura madrileña e resulta que vai Alberto Núñez e o pon de alcalde. Tanta lealdade e tanto non dar que falar para rematar así...

Martes
A forma de escoller candidatos do PP é rápido e precioso. O pleno do Concello de Santiago aínda non escolleu a Agustín Hernández Fernández de Rojas como alcalde e xa Feijoo dixo que sería o candidato para as seguintes eleccións municipais. Pouco importa o que diga o PP compostelán ou os militantes e afiliados, Agustín será o candidato porque él o val, e porque o di Núñez Feijoo. Para que andar coas trangalladas estas do PSOE de andar presentándose candidatos para que a xente escolla a opción que lle parece mellor. No PP xa Nuñez Feijoo pensa por todos e todas. Ao fin e ao cabo, debe ter tamén o estado na cabeza, como lle acontecía a Manuel Fraga.

Xoves
Queremos a Froilán de Rei de Galiza!! Xa está ben de parvadas. Se Elena é duquesa de Lugo o sei fillo será El Rey, Froilán III de Galiza. Isto é o que pensamos moitos, se temos que ter monarquía, queremos unha monarquía galega na que sexa a filla maior do rey español a que herde os dereitos sucesorios. E Froilán xa demostrou a súa valía no manexo de armas, non lle fai falta vestirse de militar para contentar aos xenerais.

Venres
Confirmado, Rogelio Martínez, un dos superdelegados de Núñez Feijoo está acusado de fraude cos fondos europeos. Xa sei que un político acusado de falsidade documental, fraude e malversación de fondos públicos non é novidade, pero é que este leva dende o 2006 presentando recursos coa típica escusa infantil de que él non foi, que non sabía o que facía e que seguramente foi cousa de José Luís Baltar e non del.
E o peor é que tamén a fiscalía dixo que bueno, que non era para tanto, que non había como para facer xuízo e o presidente da Xunta non viu motivo para cambiar de delegado da Xunta en Ourense. Non vaia ser que alguén se ofenda, que todos sabemos o que acontece por Ourense, que son moi seus e non lles gusta que ninguén se meta no deles.
Pero o certo é que os de Europa din que hai fraude na xestión de 13 millóns de euros que eran para facer depuradoras na provincia de Ourense e agora non aparecen por ningures, nin os cartos nin as depuradoras, claro...

Iso si, Baltar fillo vai presumindo de código ético polo mundo adiante... 

quinta-feira, 5 de junho de 2014

Búscanse concelleir@s!!!


Luns

Marchou Adrián dicindo que a súa familia estaba pasándoo moi mal con tanto xuízo e tanta acusación de corrupción. O que non explicou foi que ao día seguinte ían imputalo por un novo delito, esta vez por aproveitar o seu cargo público para que unha empresa despedise a unha traballadora por ser a muller dun sindicalista da GIG.

Resultaba entenrecedor ver as bágoas nos ollos de Adrián ao falar da súa familia. Mágoa que non pensase tamén na familia do sindicalista antes de encirrar nos xefes para que botasen á rúa a unha persoa. Pensa Adrián que as crianzas dos sindicalistas non comen? Parécelle que coa que está caendo é de recibo xogar co pan da xente?

O problema é que en calquera momento Adrián volverá á vida política. Non esquezamos que é unha das promesas do PP compostelán e seguramente acabará formando parte dalgunha lista electoral.




Martes

Van os concelleiros e concelleiras do PP de Compostela e din que dimiten! Non, non dimitides. Condenáronvos a uns cantos anos de inhabilitación para cargo público. Foi a xustiza a que decidiu que tiñades que deixar os cargos por querer pagar cos cartos da cidadanía compostelá a defensa dun rapaz acusado de favorecer os intereses privados dunha empresa.

Imaxínome como debeu ser esa reunión, a chulería coa que algún de vos diría aquilo de tranquilo Adrián, que esta minuta págaa o Concello!! E Adrián agradecido, que agora lle ven mal pagar él só ao avogado e que en canto poda devolverá o favor... En fin, que a mellor sería que cada un pagase a súa defensa, xa que máis ou menos todos os concelleiros do Concello de Santiago de Compostela están pasando polo xulgado e esqueceron destinar unha partida orzamentaria para gastos de avogado dos cargos públicos.

Xoves

Búscanse concelleiros!!

En Santiago de Compostela xa non hai quen queira formar parte do goberno municipal e hai que buscar candidatos. Non está moi claro se van organizar unha especie de concurso ou con presentar a solicitude chegará, como acontecía nos tempos de Fraga con algunhas oposicións.

O asunto é que a lista que o PP presentou nas eleccións municipais está esgotada. Os que poderían entrar non queren saír de onde están (entre eles o insulso conselleiro que leva as competencias de medio ambiente, infraestruturas, vivenda e transportes). Isto é unha boa proba no implicados que están algúns partidos na vida municipal. Enchen as listas de persoas que non están interesadas no día a día das cidades e que están para encher ocos. Despois pasa algo como o que está acontecendo no Concello de Santiago e teñen que pedir voluntarios.

E o dos voluntarios está ben. Pero ao final resulta que rematan gobernando persoas que ninguén elixiu. Deben ser as incongruencias do sistema electoral que temos.

En definitiva, tal e como escribín cando abrín este blog, algo non funciona dentro do Partido Popular compostelán cando a capital de Galiza comeza a ser coñecida como Santiago de Corruptela.