quarta-feira, 7 de outubro de 2015

O Rei e os directivos.




Anda o Rei Felipe pola Coruña pedíndolle aos rapaces da CEDE (Confederación Española de Directivos y Ejecutivos) que teñan en conta o talento e que intenten tirar proveito da mocidade, esa gran descoñecida. En realidade os directivos das grandes empresas fai moito que se están aproveitando da xuventude, sobre todo cando se trata de contratalos como becarios, en prácticas ou por unhas poucas horas á semana. E en canto ao talento pois xa se sabe, se é talento para enganar ás persoas consumidoras para que confiemos máis nas eléctricas que nas nosas nais pois ese talento págase, e moito. Só hai que ver o gran número de empresas de asesoría, consultaría e marketing que aparecen por todas partes. Agora ben, se o talento é para mellorar a vida das persoas ou para idear novas formas de relacionarnos e de intercambiar servizos e produtos fálase de utopías e proxectos irrealizábeis e a outra cousa.

Pero falaba do Rei Felipe, e de como Santiago Rey, o da Voz, vai e lle espeta que proxecta a mellor imaxe do noso país no mundo. E claro, isto choca un pouco co que di o propio Rei (Felipe) sobre o talento e a necesidade de aproveitarse da xuventude. Tivo que demostrar algún talento o Rei Felipe para chegar a onde chegou? Tivo que buscar investimentos para desenrolar o seu proxecto? É máis, acaso tivo que gastar un peso na súa educación? O Rei Felipe proxecta a imaxe dunha forma de organizar o mundo e de entender as relacións entre os cidadáns que queda moi atrás. Qué mérito e qué capacidade ten unha persoa que nunca tivo que demostrar a súa valía? Que exemplo de superación ou de emprendemento pode dar un home de case cincuenta anos que o único que tivo que facer foi deixarse levar?

Pero ben pensado, niso de deixarse levar é todo un profesional. Nun mesmo día inaugura o Congreso dos directivos na Coruña, entrega os premios do xornal institucional da Xunta e do Presidente da Xunta recibe a Credencial como Embaixador de Honor do Camiño de Santiago. A este paso vai ser capaz de estar en varios sitios á vez, como acontecía con Don Manuel. 

Nenhum comentário:

Postar um comentário